Formación integrada por Alejandro Vargas (piano), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (batería), cunha traxectoria de seis anos de creación colectiva abarcando linguaxes que van dende a música contemporánea ao jazz ou á música afrocubana.
Como trío, formaron parte de relevantes proxectos dentro de formacións dirixidas por Alejandro Vargas, sempre dende un traballo de cámara e con diferentes formatos dende o dúo, trío, 4to, 5to ata 8to. Discos como Miniaturas de Eugenio Granell, gañou o Premio Especial nos Premios Cubadisco, compartindo esta alta distinción con discos do nivel da lendaria cantante Omara Portuondo. Na actualidade están presentando o seu último disco a trío cunha visión moi persoal e xenuína do jazz contemporáneo: Diablito baila, colleitando importantes éxitos nos festivais de jazz de Ribadeo, Lugo ou no Imaxinasons.
Alejandro Vargas Trío desenvolve un sólido traballo de improvisación, garantindo en todos os seus concertos a vibración que xera a enerxía da creación. O virtuosismo dos intérpretes cativa ao público dende o primeiro minuto pola súa espectacular técnica instrumental e a gran sensibilidade no tratamento dos temas.