Tiruleque
A Coruña Fresh-Folk

O grupo coruñés Tiruleque naceu como banda en 2002, ano no que se reuniron cinco rapaces procedentes da música tradicional e cunhas inquedanzas musicais compartidas. A partir de entón, o proxecto musical iniciouse como quinteto tradicional que mesturou as fontes da tradición da música galega -tanto a través de recollidas como recorrendo aos cancioneiros- con outras moitas influencias e procurando unha evolución que ao longo dos anos empurrou o grupo a incorporar distintos instrumentos cos que levar máis alá esa tradición. Dese xeito, o grupo conseguiu acadar maior expresión, maiores posibilidades e un son propio que se plasma nos discos autoproducidos Tiruleque (2009), Mu!! (2013) e agora Outro que tal baila (2018).
Nas súas actuacións están presentes instrumentos unidos á música tradicional galega, mais empregados ao seu xeito. Reinterpretando en certa maneira a tradición, Tiruleque recorre á súa intuición musical á hora de arranxar melodías tradicionais e bota man da riqueza de instrumentos que esta música nos ofrece, pero dando un paso mais aló no uso das tonalidades e modos.
Co seu repertorio, Tiruleque leva percorrido a xeografía galega e estatal, deixando constancia da calidade os seus directos coa participación en festivais de recoñecido prestixio, como o Festival do Mundo Celta de Ortigueira en dúas ocasións , na pasada edición do Festival Intercético do Morrazo , Pardiñas ou Beltaine -Avilés Intercélticu. A nivel internacional participou representando a Galicia no 41º e 49º Festival Intercéltico de Lorient con grande éxito de crítica e público, no 2019 este último. Tamén ten compartido escenario con artistas da talla de Milladoiro, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Uxía, Treixadura, Quempallou ou Kepa Junkera, entre outros.
Tiruleque na rede: